Logo   Museo CastelaoPresentacion



Un Museo da Memoria

Dende o 7 de xaneiro do 2000, cincuenta anos despois da súa morte en Bos Aires, a vida e obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao pasarán a ser un patrimonio accesible a todo o mundo e servirán para tender unha ponte entre a memoria histórica e o presente. A posta en marcha do primeiro museo virtual de Galicia, destinado á figura de Castelao, servirá para que os cidadáns poidan ter acceso e profundizar na ampla e diversa obra do máis ilustre dos nosos persoeiros.

O Consello da Cultura Galega, a Fundación Castelao e Vieiros queren homenaxear a figura egrexia do político, artista e escritor de Rianxo no 50 cabodano da súa morte. Castelao foi un dos artífices da chegada da modernidade á identidade cultural de Galicia, e a súa figura non só debería ser unha referencia para os galegos, senón tamén parte do patrimonio universal. Estas tres organizacións desexan continuar na tradición de modernidade que o propio Castelao adiantara no seu tempo levando a súa obra, a súa vida e investigacións sobre a súa figura ás novas tecnoloxías da comunicación cunha proxección universal.

Entre os propósitos do Museo Castelao non está o de servir como unicamente como conmemoración dunha data, senón a creación dun auténtico espacio de convivencia virtual no que poidan confluír nenos, adultos e investigadores que desexen estudiar polo miúdo a vida e a obra do polígrafo de Rianxo. O Consello da Cultura Galega, a Fundación Castelao e Vieiros desexan crear un espacio para todos, onde exista o debate, e onde as posibilidades das novas tecnoloxías da comunicación permitan a realización dun lugar vivo, que se arrequente coas visitas e coas achegas daqueles que se adentren nas salas do Museo.

Consello da Cultura Galega
Vieiros
Fundación Castelao




O futuro museo

¿Un Museo virtual? Non, non é esa a nosa idea. Imos conseguir que o noso sexa un museo real -por contraposición ao peor dos sentidos da palabra virtual-.

Un museo cómodo, onde te sintas ao teu xeito, ao teu aire. Por iso, deberás coller entrada, anque só para asesorarte sobre os percorridos posibles. Cando pidas axuda en calquera das salas ou departamentos e un/unha guía respectuosa proporcionaracha. Ou se queres deixar a visita e volver a comezar outro día pola mesma sala, na secretaría levarán conta e poderán axudarche.

O Museo poderás visitalo seguindo o percorrido que prefiras ou podes deixarte guiar polas propostas da Dirección do Museo. En moitos lugares haberá paneis que che informarán das novidades, das exposicións temporais que estean en marcha ou das conferencias e actividades complementarias que organice o Museo.

Pero se cansas de andar dunha sala para outra e che apetece un tempo de lecer poderás visitar a cafetería (para estar de leria con outros visitantes), entrar na sala de xogos ou ler algunha revista de humor. Ao final do percorrido poderás facer unha avaliación do que visitaches mediante uns xogos/cuestionarios.

No Museo hai salas de exposición clásicas, de imaxes e textos, e salas multimedia, con filmes e son, coas cancións que se gravaron de Castelao e para Castelao, os discursos e conferencias rexistrados, e con animacións. Para iso hai que ir ben preparado, cargadiño dos plug-ins que poderás recoller no Gardarroupas.

Se es unha nena ou un neno, na porta hanche propor un percorrido ao teu xeito e cunhas salas especiais onde xogar, crear, ou simplemente enredar, aqueladas ademais para a túa idade. Se ves cos teus compañeiros da escola o percorrido será diferente e aos teus profesores propoñeráselles que antes fagan o repaso sós e facilitaránselles unhas actividades para que realicen convosco.

Co tempo, o Museo irá medrando, abriranse novas salas e faranse novas seccións. A secretaría e zona de información irache dando conta das novidades e variacións. Quizais axiña se constrúa a biblioteca e logo a sala Castelaomania con obxectos sobre o noso "irmán Daniel"; máis tarde ao mellor chega a tenda... e así, sen deterse, o Museo irá crecendo como un organismo, como deben ser os museos. Vivos, reais.


Volver ao Museo | Mediateca